Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Maio 2024.

O metal da provincia de Pontevedra volve á folga este xoves e venres

    Debido á negativa da patronal do sector a negociar, os sindicatos CCOO, UGT e CIG volven convocar folga para o sector do metal da provincia de Pontevedra. As traballadoras e traballadores do sector do metal da provincia de Pontevedra están chamados a novas xornadas de mobilización este xoves e mais o venres, días 6 e 7 de xullo.

    06/07/2023.
    Manifestación na cuarta xornada de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra (28/6/2023)

    Manifestación na cuarta xornada de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra (28/6/2023)

    O xoves, quinta xornada de folga, haberá unha manifestación que se prevé multitudinaria. A marcha comezará ás 11 horas na praza de América de Vigo. Tras percorrer a avenida de Castrelos, a de Balaídos e a rúa de Pablo Iglesias, continuará pola avenida da Florida, o camiño do Caramuxo, a avenida de Ricardo Mella e de novo polo Caramuxo. Rematará xa pola avenida da Citroën, para concluír a protesta cunha concentración diante da porta principal de Stellantis (a antiga PSA Peugeot Citroën).

    Propostas «insultantes» e «irrisorias»

    Os sindicatos cualifican de «insultantes» e «irrisorias» as propostas da patronal e non ven un acordo antes do verán. A proposta patronal de incremento salarial dun 0,5 %, 2,5 % e 2,5 % para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión, é inaceptable. «Apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo», afirman as tres organizacións.

    Este convenio atangue unhas 3700 empresas e máis de 33.000 traballadores e traballadoras. O secretario comarcal de CCOO-Industria en Vigo, Celso Carnero, sinalaba ao termo da mobilización da semana pasada que elementos como o custo da vida ou o encarecemento das hipotecas non lles permiten a numerosas familias chegar a fin de mes: «non podemos ser traballadores pobres, debemos ter máis solvencia».